SAR
Case medio século de vida
En 1963, cando falar de hóckey ou tenis era sinónimo de ser políglota, un grupo de mozos de Redondela decidiu apostar polos deportes minoritarios. Con fe, como nacen os proxectos humildes, e con poucas horas de sono, logrou instituírse o que desde un comezo se chamou a Sociedade Atlética de Redondela, ou a SAR, familiarmente.
Moitas ilusións, quizais demasiadas, aínda que sexa para comezar de xeito contundente, fixeron desta esperanza unha realidade plural e extensa. A SAR significaba, modestamente, a actividade deportiva e cultural de todo o pobo: campionatos de atletismo ou natación, torneos de xadrez, exposicións de pintura, festivais musicais, etc.
A cultura estivo moi presente nos primeiros anos de andaina da SAR
Un ano despois do primeiro empurrón xorde a sección de balonmán, e con ela unha filosofía e un club que perdura aínda hoxe. Cos atrancos económicos propios de calquera inicio, os distintos equipos foron achegando o seu esforzo e compromiso, de tal xeito que na actualidade as novas xeracións de xogadores poden gozar da oportunidade de participar en competicións de grande nivel.
Pouco a pouco foise afianzando como un dos equipos históricos do balonmán galego, e soubo sempre manterse entre os privilexiados. Sen grandes aspiracións económicas logrou, aínda así, fitos importantes: en primeiro lugar, consolidar o seu sitio en Primeira Nacional, e en segundo lugar regalar á súa afección inesquecibles tempadas en división de honra B, sen dúbida algo impensable cando naceu, case coma unha complicidade entre amigos coa idea dunha cor.
A primeira directiva, constituída en 1963, estaba formada por:
Presidente: Pedro Regojo Otero
Vicepresidente: Lino Velo Amaro
Secretario: Antonio Soto López
Tesoureiro: Alfonso Figueiral Hermida
Vogais: Telmo Tojeiro Pérez, Jose A. Paz Núñez, Jesús Pérez Varela, Olimpio Giráldez Lera, Alfonso Pereira Fernández.
Vogais colaboradores : Severo Rivas Tojeiro, Gumersindo Guedella Sandoval, Generoso Cabaleiro Muíños e Manuel Cabaleiro Alfonso.