Se hai algo que caracterizou a SAR dende a primeira pedra é a súa filosofía: clara e firme. E todas as etapas polas que atravesa evidencian esta tendencia que é un selo de carácter ou, máis ben, unha aposta e unha ilusión.
Dende as categorías inferiores ata o primeiro equipo todo se vai enfiando a partir do mesmo punto: confiar a base do grupo á xente da casa, isto é, depositar a responsabilidade na xente nova de Redondela, co fin de crear unha entidade que represente fielmente a vila, cun gran poder identitario.
Pero aínda hai máis: trátase de construír unha verdadeira escola para o deporte coa que formar e dar saídas aos nenos e nenas dende idades moi temperás. Unha posibilidade de sa diversión que se inclúe xa dende o ensino máis básico nas escolas.
Os campionatos entre escolas son un exemplo claro da aposta pola canteira |
Por suposto, esta iniciativa, esta maquinaria, necesita dunha perfecta engrenaxe, e dende a SAR promóvese unha motivación esencial: a implicación.
A implicación aparece cando non fai falta buscar, cando todo se move nunha mesma dirección. Neste sentido o club nútrese dos seus propios membros para organizarse: son xogadores, directivos e persoas do contorno próximo que se converten en adestradores, delegados ou monitores, proporcionando o capital humano necesario para dar resposta a todas as necesidades.
Froito deste traballo colectivo atopamos o que se coñece hoxe como a SAR, un total de dezaseis equipos que inclúen: un Sénior masculino en Primeira Nacional, e un feminino en Segunda Nacional; un Sénior masculino en Segunda autonómica; un xuvenil masculino e un feminino na liga galega; un cadete feminino e un masculino na liga galega; un infantil feminino e un masculino na liga galega; un infantil masculino, tres alevíns mixtos e tres benxamíns mixtos en liga provincial; e ademais as escolas deportivas cunha importante canteira de promesas.